Concello de As Pontes
Industria e comercio

 

A industria en As Pontes

O carácter eminentemente industrial do Concello de As Pontes levou consigo un descenso das actividades agrícolas e gandeiras en todo o seu territorio. A superficie de cultivo, un 8% do total do municipio, correspóndese fundamentalmente con explotacións familiares destinadas ao autoconsumo. Unha maior relevancia correspóndelle ás actividades gandeiras, xa que as extensións adicadas ó pasto no municipio ocupan un 12% do territorio.

Con respecto á produción forestal, en As Pontes existen grandes extensións de monte raso con posibilidade de aproveitamento. A produción anual estímase en catro millóns de metros cúbicos de madeira de piñeiro e dous mil cincocentos de carballo.

Como se destacou anteriormente, a agricultura e a gandería apenas posúen relevancia, pois a superficie cultivada representa unha pequena parte do territorio. Nesta escasa superficie incide a gran extensión de terreo ocupada pola mina de lignito de Endesa, ademais das características do relevo, especialmente hostís para a actividade no sector setentrional.

A industria é o principal motor da súa economía, dependendo en gran medida da actividade dunha única empresa (Endesa) que contaba cunha mina destinada á extracción de lignito cuxa explotación foi pechada o pasado 31 de decembro do 2007. A partir desta data Endesa finalizou a súa reestruturación, poñendo en marcha un complexo industrial de ciclos combinados (centrais que utilizan gas natural para producir electricidade) de 800 megavatios (MW) de potencia, composto de dúas turbinas de gas natural, unha de vapor e tres xeradores independentes, o que lle aporta unha gran flexibilidade; e adaptando as súas instalacións para a produción de enerxía con carbóns importados de países como EEUU e Indonesia.

O peche da mina de explotación de lignito impulsou a creación do Plan de Desenvolvemento Económico-Industrial de As Pontes, no que se inclúe a dotación dunha liña de axudas para os proxectos empresariais, e a mellora da dotación das infraestruturas precisas, entre outras actuacións, a creación do parque empresarial de Penapurreira para a localización de proxectos de investimento xeradores de emprego en As Pontes.

Estas actuacións viñeron a complementar a diversificación do tecido produtivo local que, en anos anteriores, xa se iniciaran nos Polígonos de Os Airíos e Cruz das Cabezas. Asemade os esforzos do Concello polo asentamento na localidade de proxectos de investimento leva consigo a posta en marcha de todos os mecanismos necesarios para a creación do Polígono Tecnolóxico municipal, cuxo proxecto se atopa en fase de desenvolvemento.

Entre as causas que explican a elevada demanda de solo industrial no Concello de As Pontes poderíanse citar tres elementos obxectivos: a proximidade a algúns dos principais centros industriais e comerciais de Galicia, o acceso a unha boa rede de infraestruturas viarias (que se viron melloradas notablemente nos últimos anos coa creación da AG-64, que une Ferrol con Vilalba, entre outras) e a existencia dun Plan de desenvolvemento Económico-Industrial de As Pontes que incentiva economicamente ás empresas e ofrece solo empresarial en condicións moi competitivas aos proxectos empresariais que decidan instalarse nesta vila.

Este último punto toma especial relevancia dado que os proxectos de investimento no municipio de As Pontes gozan dunha serie de instrumentos de axuda financieira ou de subvencións a fondo perdido de importante consideración, dado o enclave no que se atopa e a súa situación socioeconómica.