AS PONTES é unha fermosa vila inzada de ríos, que regan os camiños nos que agroma o espírito dunha lendaria terra, de sempre xenerosa cos seus.
As Pontes conta con todas as comodidades e ofertas que se poden demandar dunha puxante urbe, pero, conservando a un tempo, as paisaxes dunha exuberante natureza, e un rural ben coidado.
As Pontes, un concello de atractivos contrastes, é moito máis que industria. Natureza, patrimonio, historia, festas, artesanía, ou gastronomía, serán compañeiros de viaxe para o visitante, ao que nunca faltará unha boa panorámica.
Un paseo polo municipio é garantía de fermosas postais que gardar nos recordos do camiñante. Nos mesmos límites do núcleo urbano poderemos envolvernos xa no manto arbóreo dun concello de val e montaña.
En As Pontes internaraste nunha terra de lendas bañadas polas augas dos seus ríos e a un paso de praias, serras, bosques e montañas.
Mesmo no núcleo urbano contamos cunha peonalización das beiras do río que nos permite gozar plenamente dun percorrido en harmonía co contorno. Un río integrado xa na urbe, recuperados os seus vencellos cun pobo que o mira de fronte logo de xeracións dándolle as costas.