As Pontes
Historia

 

Época Prehistórica

Ata o momento non se conta con datos sobre a ocupación paleolítica, epipaleolítica (algúns xacementos en Muras e Vilalba) e mesmo neolíticas en As Pontes.

As primeiras novas documentadas que temos de asentamentos no noso val remóntanse á época megalítica que comeza en Galicia a finais do IV milenio polo que manifestan as datacións absolutas e os parecidos dalgúns elementos arquitectónicos e culturais cos doutras áreas megalíticas. É o período no que se produce un tránsito da economía depredadora e recolledora a unha economía produtora, ou sexa á aparición da agricultura estable e ao sedentarismo. A denominación de "cultura megalítica" deriva da construción de grandes monumentos de pedra, de carácter xeralmente funerario. Poden ser de diferentes tipos: circos líticos ou cromlechs, menhires que en Galicia se chaman pedras fitas, e sepulcros, que son os máis abundantes no noso concello recibindo o nome de mámoas, medoñas... Estas mámoas están formadas por un túmulo de terra que cobre a arca interior. No que atinxe ao noso concello temos que salientar a mámoa 229 de Veiga dos Mouros a cal sitúa o arqueólogo Antón Rodríguez Casal na fase final deste período. É un tipo de enterramento caracterizado por pequenos sartegos rectangulares. Os materiais son moi acabados e aparecen as mazas, os perforados e outros ciceis. Este mesmo profesor sinala que deben ser homes cunha altura entre 1´50 e 1´65 segundo o sexo, de cranio dolicocéfalo, trazos finos con certa aparencia negroide e maxilar prominente.

As Pontes está situada no centro dunha das grandes áreas de concentración de megálitos. Un núcleo atópase na Serra Faladoira, cun centenar de túmulos a ambas as dúas beiras do "camiño real" que atravesaba lonxitudinalmente a serra entre As Pontes e Bares. Dos seus xacementos é mester salientar a coñecida como "Forno dos Mouros" que conserva sete esteos na cámara e dous no corredor, e o túmulo 87 con anta de cámara poligonal. Outro núcleo atópase na cubeta sedimentaria do Eume en As Pontes de García Rodríguez e arredores (necrópoles de Veiga dos Mouros, Portorroibo, Illade, A Mourela, Serra do Cheibán, O Forgoselo ou Monte Grou, etc). Este é un dos centros fundamentais do Megalitismo galego, con máis dun centenar de mámoas, aínda que moitas delas desaparecidas por mor da explotación de lignitos alí existente¹.

Os elementos construtivos destas mámoas son: o anel perimetral, a coiraza, os pavimentos, as fogueiras ( descubertas na medoña do Chan de Reboredo no Monte Grou) e pasadelo de acceso entre o corredor megalítico e a periferia. Todos estes monumentos teñen o seu obxecto e a súa explicación; facían de enterramentos dos mortos marcando claramente o territorio. Así para cumprir coa obriga funeraria deixábanlle aos seus mortos unha chea de ofrendas funerarias: trebellos domésticos, ferramentas, etc.

Xunto a estes monumentos temos que engadir as construcións rituais de función non estritamente funeraria, tales como as pedras fitas e os circos líticos, denominados usualmente como menhires. En As Pontes sabemos das referencias por Maciñeira dos circos líticos da Mourela, das cales se conservan unhas fotografías. El mesmo dicía que un acadaba os 9 m de diámetro e o outro os 20 m, pero polas fotografías dedúcese un tamaño menor.

En canto aos achados materiais de As Pontes podemos salientar as mazas, bolas e obxectos para pendurar. Así aparecen na cista do túmulo 229 de Veiga dos Mouros, cerámica campaniforme como a aparecida no túmulo 242 de Veiga da Vilavella. Estes dous vasos campaniformes aparecidos neste túmulo son os máis afamados de Galicia e consérvanse actualmente no Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela. Foron descubertos por A. de la Iglesia, e serán publicados por D. Luis Pericot en 1927. Teñen a forma típica de bandas anchas, equidistantes, simétricas e con ton terra vermella.

Foi Federico Maciñeira (1870-1943) o máximo estudoso nos albores do século desta cultura. El mesmo desenvolveu unha importante teoría relacionando a situación dos túmulos coa existencia dos "camiños reais". Segundo Maciñeira as medoñas poderían ser puntos de referencia para marcar eses camiños, pois segundo o trazado dos mesmos estas son visibles a grande distancia. Para fundamentar esta teoría, baseouse no estudo dos antigos camiños de As Pontes a Bares pola Serra da Faladoira, de As Pontes a Guititiz e de As Pontes á Barqueira.

A finais do III milenio comeza a debilitarse a cultura megalítica, que se caracterizaba pola tecnoloxía lítica, aparecendo outra cultura que introduce a metalurxia, asociada en Galicia e en As Pontes á cultura de vaso campaniforme, que a podemos datar entre o 2100 e o 1800 a. de C. Cumpriu un importante papel na difusión da metalurxia do cobre.

¹ .- Antón A. Rodríguez Casal, O Megalitismo. A primeira arquitectura monumental de Galicia. Santiago de Compostela, Servizo de publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, 1990, p.55